O Museo de Colón en Portosanto inaugura nova etapa

A Casa Museo de Colón comeza “unha nova etapa”, en palabras da tenente de alcalde e concelleira de Turismo Silvia Díaz logo de que se activase o Plan de Dinamización que dará un novo pulo ás emblemáticas instalacións situadas no lugar de Portosanto. A edil e o responsable de Pesca e Marisqueo, Julio Casás, mantiveron unha reunión de traballo con responsables de Tempos Arqueólogos, na que tamén participou Pedro Martín, da Asociación Galicia Histórica, un colectivo “implicado na difusión e promoción do museo e da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón”, apunta Díaz.

Como explica a responsable de Turismo, ao longo do verán o museo acollerá actividades para diferentes públicos, ao tempo que se segue a traballar na posta en valor da cultura mariñeira e marítimo pesqueira do territorio. “Aspiramos a que este centro se consolide como un referente na interpretación e xestión do patrimonio galego”, recalca Díaz. O plan de dinamización finánciase coa achega que o Concello de Poio obtivo do GALP Ría de Pontevedra, tras a adhesión da Casa Museo á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA).

A folla de ruta inclúe unha serie de actuacións para potenciar o número de visitas e de actividades na Casa Museo. As instalacións, inauguradas no ano 2010, reciben de xeito periódico a grupos de turistas, que, coa colaboración da Asociación Galicia Histórica, achéganse ata Portosanto para coñecer a documentación e os contidos que avala a teoría do Colón Galego. “Queremos dar un paso máis e chegar a un público moito máis diversificado”, indica a concelleira. Refórzanse as visitas de escolares,  persoas da terceira idade e especialistas na figura de Cristóbal Colón. Crearanse bases de datos de centros educativos, universidades, oficinas de turismo da bisbarra ou de aloxamentos turísticos, entre outros, para o reparto de folletos e o envío de información sobre a Casa Museo e os seus horarios, para canalizar a programación de visitas.

Con respecto ás actividades, o plan inclúe obradoiros para grupos de entre 5 e 30 persoas e que varían na súa temática e duración en función da idade dos e das participantes. Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria propóñense talleres de fomento da creatividade, ciclos sobre arqueoloxía, obradoiros musicais e de cerámica. “Ademais, continuaranse programando actividades como presentacións de libros, cursos vencellados ao patrimonio e charlas e xornadas divulgativas”, apunta Silvia Díaz.

Visitas teatralizadas no Bosque de Colón

Por outra banda, a tenente de alcalde tamén avanzou que ao longo do verán se realizarán visitas teatralizadas tanto na Casa Museo como no Bosque de Colón, a cargo de Leucoíña Pasea. Trátase dunha iniciativa dirixida para maiores de 6 anos, con 15 prazas por sesión. As inscricións poderán facerse a través de correo electrónico a turismo@concellopoio.org.

As dúas primeiras datas serán o 20 e 21 de xullo, ás 21.30 horas, no Bosque de Secuoias, que tamén acollerán unha nova sesión o 1 de setembro, ás 19.00 horas. Previamente, do 18 ao 20 de agosto esta actividade terá lugar nas dependencias do museo (11.30 horas). A tenente de alcalde expresa o seu agradecemento á Comunidade de Montes de San Xoán, titular dos terreos nos que se empraza a plantación de secuoias, pola súa imprescindible colaboración.