A primeira edición do programa turístico ‘Descubre Poio’ finaliza cunha visita guiada a Tambo para profesionais do sector

Os e as profesionais do sector turístico que ao longo dos últimos meses tomaron parte nas iniciativas do programa Descubre Poio, impulsado pola Concellería de Turismo, puxeron este luns o punto e final á programación cunha visita guiada á Illa de Tambo. A edil responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), tamén participou nesta iniciativa, a través da cal as persoas participantes tiveron a ocasión de coñecer esta emblemática paraxe.

A concelleira do Goberno local agradeceu a colaboración dos integrantes da Asociación Irmandade Illa de Tambo, que se encargaron de achegar os seus coñecementos sobre o patrimonio e a historia da illa, situada en pleno corazón da ría de Pontevedra. “É importante que as persoas que desenvolven a súa actividade nun sector que é un dos principais motores económicos do noso concello se familiaricen cos recursos e potencialidades de Tambo, para seren transmisores da riqueza medioambiental, histórica, patrimonial e turística da illa”, indicou Díaz. Esta visita realizouse logo de que a semana pasada finalizasen as reunións de traballo que se realizaron no Centro de Formación da Reiboa, e ás que tamén hai que sumar os diferentes cursos formativos que se levaron a cabo desde novembro. “A valoración é moi positiva”, indica a titular de Turismo, que salienta o “diálogo fluído” que se consolidou entre a Administración local e o sector. “Este programa foi impulsado para ofrecer ferramentas e accións encamiñadas a potenciar e profesionalizar o sector, ao mesmo que se buscaba establecer unha canle para o intercambio de ideas, propostas e iniciativas”, sinala a concelleira de Avante Poio. En vista do éxito, a edil de Turismo confirmou que Descubre Poio contará cunha segunda edición, que se desenvolverá a finais deste ano, unha vez pasada a tempada alta estival.

Catas, obradoiros sobre uso de novas tecnoloxías, cursos de inglés e de comunicación foron algunhas das iniciativas desenvoltas desde novembro. A isto sumáronse as sesións de traballo para o desenvolvemento do Mapa Turístico de Poio, unha ferramenta que ofrecerá á cidadanía a posibilidade de consultar datos e obter información sobre negocios de hostalería, hospedaxe, gastronomía, festexos locais, oferta deportiva ou riqueza patrimonial. A todas as persoas que participaron no programa fáiselles entrega, asemade, dun código QR, a través do cal a súa clientela poderá acceder aos contidos de interese que se incluirán na nova páxina de Turismo, que entrará en funcionamento proximamente.

Outra cuestión na que se traballou co sector foi a configuración de paquetes de información turística, en función dos perfís dos e das turistas e atendendo aos seus gustos e demandas. “Estas sesións de traballo axudan a que os e as profesionais do sector teñan claro que as persoas que visitan Poio dispoñen de grandes atractivos dispersados por todo o municipio, desde San Salvador ata Raxó. O noso concello é un destino de referencia que, ademais, conta con reclamos suficientes para consolidarse como un lugar no que gozar dunha estancia de varios días de duración”, apunta Silvia Díaz. A concelleira de Turismo tamén se compromete a tomar nota das peticións realizadas desde o sector, como a mellora de sinalización de puntos de interese (cuestión na que se leva traballando desde a conclusión do confinamento) ou o reforzo de información de horarios de transporte público ou de instalacións como a Casa Museo de Colón.